Con motivo da presentación pública do Observatorio de Vivenda José Caridad Mateo, que acaba de ser creado pola Concellaría de Rehabilitación Urbana e Vivenda do Concello da Coruña, están a ser organizadas pola propia Concellaría, en convenio coa Universidade da Coruña (UDC) e a Deputación provincial, unhas xornadas de carácter internacional sobre Observatorios de Vivenda, previstas para os próximos días 27, 28 e 29 de Outubro na sede da Fundación Caixa Galicia na cidade.
As principais áreas de desenvolvemento das xornadas son tanto as políticas de vivenda coma os distintos métodos de análises empregados en diferentes observatorios en España, ao tempo que se rende unha pequena homenaxe á figura de José Caridad Mateo, arquitecto galego exiliado en México, o nome do cal baptiza ao Observatorio recén creado.
Como responsables da organización encóntranse Xosé Manuel Fernandez Costas, da Concellaría de Rehabilitación Urbana e Vivenda, como coordinador xeral; Xosé Lois Martinez Suárez dende a Vicerrectoría de Infraestructuras e Xestión Ambiental da UDC e Cristina García Fontán, profesora do Area de Urbanística de la Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
No cartel de asistentes está prevista a participación de profesionais técnicos e políticos relacionados coa cuestión da vivenda en España, así como unha representación das universidades mexicanas UAM (Universidade Autónoma Metropolitana de México) e UNAM (Universidade Nacional Autónomo de México), xa que outro dos obxectivos das xornadas é a sinatura dun convenio de colaboración entre a UAM e a UDC. A intención da Concellaría é, ademais, a publicación dun libro que recolla as conferencias.